O BNG rexeita trasladar edificabilidade das Percebeiras aos Rosais e reclama máis zonas verdes

O BNG da Coruña avanzou que non apoiará ningún traslado de edificabilidade desde As Percebeiras aos Rosais, especialmente se afecta a parcelas de titularidade municipal. A portavoz nacionalista e candidata á Alcaldía, Avia Veira, trasladou esta posición desde o miradoiro dos Rosais, onde defendeu que o solo público debe reservarse para usos de interese veciñal.
Veira asegurou que o Concello non debe empregar terreos municipais para resolver os problemas urbanísticos dunha promotora privada e advertiu de que a veciñanza dos Rosais xa manifestou o seu rexeitamento a asumir novos edificios procedentes da edificabilidade prevista nas Percebeiras.
Desde o BNG consideran que A Coruña precisa un modelo urbanístico diferente, máis pensado para os barrios, a sustentabilidade e os espazos de convivencia. A formación reclama que As Percebeiras se convertan nunha zona verde aberta á cidadanía, en lugar de manter un desenvolvemento residencial que, ao seu xuízo, comprometería o bordo litoral.
A portavoz nacionalista tamén incidiu na necesidade de protexer as vistas ao mar e a contorna da Torre de Hércules, así como de preservar os espazos públicos nun contexto de maior demanda de zonas verdes e áreas frescas na cidade.
O BNG lembra que calquera modificación puntual do PXOM precisa maioría absoluta no pleno municipal, unha cifra coa que o goberno local non conta en solitario. Por iso, Veira advertiu de que calquera proposta deste tipo terá que ser negociada coa oposición e deixou claro que o seu grupo non respaldará unha operación que, segundo defenden, poida prexudicar aos Rosais.