O BNG reclama axudas urxentes para mariscadores da Ría do Burgo e a sementeira completa de ameixa fina tras a dragaxe

ACoruñaXa
Néstor Rego esixe o cumprimento do proxecto de rexeneración e a concesión das axudas pendentes para compensar as perdas dos mariscadores
Imaxe de Néstor Rego e Iria Taibo cos mariscadores
27 Ago 2024

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou esta mañá novas iniciativas parlamentares destinadas a garantir a concesión de axudas ao colectivo de mariscadores da Ría do Burgo. O colectivo está a sufrir graves dificultades, xa que, tras a dragaxe da ría, o marisco aínda non acadou a talla mínima para a súa comercialización, o que lles impide faenar.

Rego, acompañado da deputada nacionalista Iria Taibo e dos portavoces do Bloque na Coruña e Culleredo, Francisco Jorquera e Tono Chouciño, respectivamente, realizou estas declaracións despois de reunirse coa directiva da Confraría de Pescadores da Coruña, no porto de Oza. Durante o encontro, os mariscadores expuxeron que, segundo os datos achegados, só se sementou un 1% da ameixa fina comprometida no proxecto de rexeneración da ría, o que afecta de forma significativa ao rendemento económico do sector.

O BNG esixe o cumprimento estrito do proxecto de sementeira e a concesión das axudas pendentes, que inclúen tamén as mensualidades de febreiro, marzo e abril anteriores á dragaxe. Rego lembrou que, a pesar de que o secretario de Estado do Ministerio de Transición Ecolóxica, Hugo Morán, recoñeceu a razoabilidade das axudas, o Estado non as concede argumentando que as competencias en materia marisqueira son da Xunta. Ademais, o portavoz nacionalista reclamou a revisión das deficiencias detectadas polos mariscadores tras as obras, que reduciu o potencial extractivo do banco marisqueiro do Carniceiro en un 40%.

Finalmente, Rego, tras o encontro na Confraría, xunto cos mariscadores, participou na interrupción do tránsito na Ponte Pasaxe como medida de protesta. O BNG reafirma o seu compromiso co apoio aos mariscadores e continuará a traballar para garantir que se resgaten as condicións adecuadas para a súa actividade e se compensen os danos ocasionados.

0.13007283210754