O BNG esixe á Xunta medidas urxentes para garantir vivenda digna ao estudantado na Coruña

ACoruñaXa
A concelleira Mercedes Queixas denuncia a inacción da Xunta e alerta de que máis de 20.000 vivendas baleiras contrastan coas 2.300 solicitudes de vivenda pública na cidade
BNG Vivenda Coruña
29 Nov 2024

A concelleira e deputada do BNG, Mercedes Queixas, rexistrou unha proposición non de lei que busca afrontar a grave crise de acceso á vivenda para o estudantado universitario en A Coruña. Entre as medidas propostas, Queixas destaca a creación dunha bolsa de vivenda pública en réxime de aluguer para estudantes e a posta en marcha de prazas en residencias públicas, tanto mediante a rehabilitación de edificios existentes como a construción de novos inmóbeis en terreos da Xunta.

Nunha comparecencia ante os medios no campus de Elviña, acompañada polo tamén concelleiro David Soto, Queixas cualificou de "inexplicábel" que unha cidade universitaria como A Coruña careza de prazas en residencias públicas autonómicas. A única instalación pública actual, a residencia Elvira Bao, foi impulsada pola Deputación da Coruña e non pola Xunta, que ostenta as competencias en educación e vivenda.

A deputada tamén denunciou a contradición entre as máis de 2.300 solicitudes de vivenda pública no rexistro do Instituto Galego da Vivenda e Solo e a existencia de máis de 20.000 vivendas baleiras na cidade. Ademais, criticou o impacto negativo do crecemento non regulado das vivendas de uso turístico, que diminúe a oferta de aluguer convencional.

Queixas alertou de que o acceso á vivenda na Coruña absorbe ata o 54,12% do salario medio galego, facendo inviábel o acceso para as maiorías sociais e, especialmente, para a mocidade que chega á cidade para estudar. “Non hai solución a este problema sen políticas públicas ambiciosas, algo que a Xunta ignorou ao longo de 15 anos, nos que apenas construíu 40 vivendas públicas na Coruña”, concluíu.

0.1625018119812