O BNG presenta alegacións contra o proxecto de planta de fundición de chatarra de aluminio en Coirós

ACoruñaXa
A voceira do BNG, Pura Ferreño: “Con estas alegacións buscamos mellorar este proxecto e que teña o menor impacto posíbel na vida da veciñanza”
Imaxe da voceira do BNG de Coirós, Pura Ferreño
22 sep 2024

O BNG de Coirós presentou alegacións ao proxecto de planta de fundición de chatarra de aluminio no parque empresarial de Coirós, que está en prazo de información pública. “Con estas alegacións buscamos mellorar este proxecto e que teña o menor impacto posíbel na vida da veciñanza”, explicou a portavoz do BNG, Pura Ferreño.

“Neste sentido de mellorar o proxecto e minimizar o impacto, as alegacións presentadas céntranse en resolver o posíbel problema na capacidade de subministro de auga municipal, no ruído e pó consecuencia de facer parte do triturado da chatarra no exterior, actividade que se prevé que funcione durante 24 h ao día, ou o control de emisións”, engadiu Ferreño.

Desde o BNG, consideramos que estes son algúns dos aspectos do proxecto que poden ser mellorados á hora de minimizar as consecuencias que poida ter tanto para a veciñanza da zona e outras empresas do polígono, como á hora de conservar os nosos recursos naturais.

Proxecto presentado

A empresa Aluminios Cortizo instalouse hai pouco tempo no polígono empresarial de Coirós, solicitando, no seu momento, autorización como centro xestor de residuos non perigosos. A actividade consiste, até o momento, na valorización de chatarra de aluminio mediante un proceso de tratamento mecánico, consistente nunha primeira fase de trituración e unha fase posterior de clasificación de chatarra. O proceso realízase integramente no interior da nave na que se instalaron sistemas de filtrado de partículas.

O proxecto que presenta Aluminios Cortizo consiste na modificación do proceso de trituración existente para ampliar a súa capacidade, pasando das actuais 60 toneladas/día a unha capacidade trituración final de 360 toneladas/día”. Ademais propón unha reforma. da actividade que consiste na instalación neste lugar dunha fase adicional do proceso: a fundición da chatarra de aluminio. Este será o principal proceso desenvolvido na planta que procederá á reciclaxe de chatarra de aluminio (mediante tratamento en fornos de fundición) para a obtención de tocho de aluminio.

Por outra banda, amplíase a capacidade actual dunha das etapas da tratamento mecánico existente (etapa de trituración), e, por motivos de seguridade, a fase de trituración o corte con cizalla realizarase no exterior da nave.

O BNG celebrará un encontro aberto para informar á veciñanza sobre as alegacións presentadas e as súas propostas para minimizar o impacto deste proxecto. O acto público, no que participarán a portavoz do BNG, Pura Ferreño, e o deputado no Parlamento, Xosé Manuel Golpe, será o vindeiro luns 23 de setembro ás 20 h en Fillos de Oís.

 

0.19182801246643