?> O BNG preguntará no pleno de maio polos plans para a contorna da Torre de Hércules en ACoruñaXa

O BNG preguntará no pleno de maio polos plans para a contorna da Torre de Hércules

ACoruñaXa
Veira formula esta cuestión ao observar unha clara “falta de conexión” e “incoherencias” entre o Plan Especial da Torre aprobado polo Goberno local
Imaxe da concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira
Imaxe da concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira
Redacción ACoruñaXa
26 abr 2024

A concelleira do BNG da Coruña Avia Veira vai levar ao Pleno do vindeiro 2 de maio os plans de futuro do Goberno Local para a contorna da Torre de Hércules.

Vaino facer en forma dunha pregunta oral que reza así: “Pode o Goberno Local concretar cal é o seu plan de futuro para a contorna da Torre de Hércules?”.

Neste sentido, Veira formula esta cuestión ao observar unha clara “falta de conexión” e “incoherencias” entre o Plan Especial da Torre -que contempla o seu desenvolvemento urbanístico e que foi aprobado pola Xunta de Goberno Local, mais está pendente aínda de pasar polo Pleno- e o Plan de Conservación da contorna da Torre.

“Hai incoherencias e mesmo contradicións entre un documento e outro”, sinala Veira, polo que ve preciso que o Goberno Local detalle mellor cal é a súa planificación para a contorna do monumento que foi declarado Patrimonio da Humanidade en 2009.

“O lóxico é que o Plan Especial da Torre incorporase as previsións do plan de conservación para constituír un conxunto harmónico que garantise a protección da contorna. Mais non foi así”, afirma Veira.