O BNG preguntará no pleno de maio polos plans para a contorna da Torre de Hércules
A concelleira do BNG da Coruña Avia Veira vai levar ao Pleno do vindeiro 2 de maio os plans de futuro do Goberno Local para a contorna da Torre de Hércules.
Vaino facer en forma dunha pregunta oral que reza así: “Pode o Goberno Local concretar cal é o seu plan de futuro para a contorna da Torre de Hércules?”.
Neste sentido, Veira formula esta cuestión ao observar unha clara “falta de conexión” e “incoherencias” entre o Plan Especial da Torre -que contempla o seu desenvolvemento urbanístico e que foi aprobado pola Xunta de Goberno Local, mais está pendente aínda de pasar polo Pleno- e o Plan de Conservación da contorna da Torre.
“Hai incoherencias e mesmo contradicións entre un documento e outro”, sinala Veira, polo que ve preciso que o Goberno Local detalle mellor cal é a súa planificación para a contorna do monumento que foi declarado Patrimonio da Humanidade en 2009.
“O lóxico é que o Plan Especial da Torre incorporase as previsións do plan de conservación para constituír un conxunto harmónico que garantise a protección da contorna. Mais non foi así”, afirma Veira.