O BNG pide explicacións ao Goberno local polo estado do metrosidero do Cantón Grande tras o seu transplante

O BNG rexistrou no Concello da Coruña unha batería de preguntas por escrito para coñecer o estado actual do metrosidero do Cantón Grande e aclarar se era imprescindible trasladar a árbore, a pesar das advertencias formuladas por persoas expertas sobre os riscos que podía implicar esa actuación.
O viceportavoz municipal da formación nacionalista, Francisco Jorquera, solicita ao Goberno local que informe de se o Concello contratou empresas especializadas para executar o transplante e se contou coa supervisión de persoas expertas durante o proceso.
Entre as cuestións formuladas, o BNG pregunta tamén por que o transplante se levou a cabo durante o verán. Jorquera lembra que, segundo persoas expertas, a mellor época para realizar este tipo de intervencións é o inverno, cando as árbores presentan unha menor actividade biolóxica. “Cal é a razón pola que o transplante se realizou no verán cando, segundo as persoas expertas, a mellor época é o inverno, cando as árbores están sometidas a un menor esforzo vital, pois nesta estación nin polinizan nin botan flor?”, pregunta.
A formación nacionalista lembra ademais que distintos colectivos advertiran no seu momento dos riscos que supoñía o transplante e da posibilidade de perder este exemplar.
Segundo expón o BNG, o enxeñeiro responsable dun anterior traslado do metrosidero, desde o Paseo Marítimo ata o Cantón Grande, asegurou que a nova intervención non se realizou correctamente porque, unha vez recolocada a árbore, “púxoselle un rego por goteo cando estas árbores se nutren por humidade ambiental e teríao precisado por aspersión”, a pesar de que o cepellón estaba desfeito.
A través destas preguntas, o BNG pretende que o Goberno local aclare por escrito cal é o estado real da árbore, tendo en conta que, segundo indica a formación, “algunhas persoas expertas afirman que a árbore está practicamente morta e sen recuperación posíbel, ao estar seca, completamente esgotada, sen raíces novas”.