O BNG logra o compromiso do PP para implicar a Xunta no soterramento da liña eléctrica de Bergondo

ACoruñaXa
Mercedes Queixas reclama unha solución para protexer o Mosteiro de San Salvador, que celebra o seu 900 aniversario, e denuncia que a compañía substituíu as antigas torres por outras máis altas
BERGONDO mercedes queixas bng torre luz mosteiro
29 Oct 2026

O BNG acadou o compromiso do PP no Parlamento galego para reclamar que a Xunta se implique, en colaboración co Concello de Bergondo, no soterramento da liña de alta tensión que discorre xunto ao Mosteiro de San Salvador. A deputada nacionalista pola Coruña, Mercedes Queixas, defendeu esta actuación para reducir o impacto visual sobre o monumento, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), e pediu tamén protección para o Camiño Mariñán e vías de financiamento que permitan executar o proxecto.

O acordo chegou despois de que Queixas rexeitase unha emenda do PP que propoñía pedir á Xunta que simplemente amosase a súa predisposición a realizar a actuación. A deputada cualificouna de “burla” á veciñanza e defendeu que o Goberno galego debe asumir as súas responsabilidades e implicarse na solución, como xa se fixo noutros municipios.

A parlamentaria apostou pola colaboración entre a Administración autonómica e a local, lembrando que o Concello xa solicitou axuda a través de Patrimonio para iniciar o estudo do soterramento. Tamén cuestionou que a Xunta non impulse unha actuación deste tipo nun ano especialmente significativo para o mosteiro, que conmemora nove séculos de historia documentada.

Queixas asegurou que a presenza da liña eléctrica constitúe un importante impacto visual sobre a contorna patrimonial e preguntou se a Dirección Xeral de Patrimonio autorizou as recentes obras realizadas na infraestrutura. Segundo advertiu, a compañía substituíu as antigas torres por outras aínda máis altas, que afectan á percepción do cruceiro situado nas proximidades.

A deputada lembrou que o BNG de Bergondo xa propuxera no pleno municipal negociar coa empresa propietaria o soterramento da liña para reducir o impacto visual e patrimonial. A iniciativa foi aprobada por unanimidade, pero a compañía trasladou que a execución das obras correspondería ao Concello.

A parlamentaria tamén citou actuacións de soterramento realizadas noutros municipios galegos, como exemplos de que existen precedentes para abordar este tipo de intervencións. Ademais, criticou que o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, se comprometese durante os actos do 900 aniversario do mosteiro a impulsar investimentos e melloras para o monumento, sen que iso se traducise ata agora nunha solución para a liña eléctrica.

Queixas insistiu en que a Xunta debe implicarse na protección do patrimonio cultural e deixar de discriminar, ao seu xuízo, a veciñanza de Bergondo. A reivindicación busca eliminar o impacto dunha infraestrutura que permanece xunto a un dos principais elementos patrimoniais do municipio desde a década de 1970.

0.16390204429626