O BNG pide soterrar as liñas eléctricas da contorna do Mosteiro de Bergondo

O BNG volve situar o Mosteiro de San Salvador de Bergondo no debate parlamentario galego. A deputada Mercedes Queixas vén de rexistrar unha nova iniciativa coa que reclama á Xunta medidas para mellorar a protección visual e patrimonial da contorna do cenobio, coincidindo co ano no que se conmemoran os 900 anos da súa primeira referencia documental.
A proposta céntrase especialmente no soterramento das liñas de alta tensión que atravesan a zona e que, segundo a formación nacionalista, provocan un forte impacto visual nun dos espazos históricos máis relevantes de Bergondo e das Mariñas. Queixas lembra que o mosteiro foi declarado monumento histórico-artístico nacional en 1973, unha protección que hoxe se equipara á dos bens de interese cultural.
'O Mosteiro é un dos elementos patrimoniais e turísticos máis importantes de Bergondo e da comarca', sinala a deputada, que considera que o aniversario debería servir para impulsar actuacións concretas de posta en valor. A parlamentaria entende que a mellora da contorna sería tamén unha oportunidade de cara ao Xacobeo 2027.
O portavoz municipal do BNG, David Carro, defende que o soterramento do tendido eléctrico é unha medida viable e pon como exemplo actuacións desenvolvidas noutros concellos. Carro apunta ademais que a intervención podería acompañarse dunha revisión da cualificación urbanística das parcelas afectadas, o que permitiría abrir a porta a novos usos agora incompatibles e suporía, segundo indica, unha mellora para a veciñanza.
A iniciativa chega nun momento de especial simbolismo para o mosteiro, que este 2026 celebra nove séculos de historia documentada. O antigo conxunto beneditino conserva unha igrexa románica de gran valor, con tres naves e tres ábsidas semicirculares, ademais doutros elementos artísticos incorporados ao longo dos séculos.
O BNG tamén vincula a súa demanda ao paso do Camiño Mariñán pola contorna do mosteiro. A formación considera que este recoñecemento reforza a necesidade de coidar unha paisaxe patrimonial que combina historia, arquitectura, turismo cultural e identidade local.
Para Queixas, a mellor forma de celebrar a efeméride sería acompañar os actos culturais con actuacións reais sobre o espazo. A deputada sostén que a retirada do impacto visual das liñas eléctricas suporía 'un agasallo' para Bergondo, para a comarca e para un recinto que nos últimos anos se consolidou tamén como foco de actividade cultural.