O BNG insta ao Goberno da Coruña a mellorar as condicións laborais nas empresas concesionarias municipais

ACoruñaXa
David Soto leva ao Pleno unha moción para erradicar o traballo parcial e garantir o cumprimento dos convenios colectivos en materia salarial
Imaxe do concelleiro do BNG, David Soto
6 Nov 2024

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defenderá no Pleno deste xoves unha moción que insta o Goberno local a tomar medidas para mellorar as condicións laborais das e dos traballadores das empresas concesionarias do Concello. A proposta, presentada polo concelleiro David Soto, pide que o Executivo municipal esixa ás empresas concesionarias a eliminación do traballo parcial e o respecto estrito aos convenios colectivos en materia de salarios.

Soto xustifica esta moción facendo referencia a datos da ONG Intermón Oxfam, destacando que é posible traballar e, á vez, vivir en situación de pobreza, algo que afecta especialmente ao persoal a tempo parcial, autónomos e traballadores con períodos de desemprego intermitente. Esta problemática non é allea ao sector público, onde preto do 4,5% dos traballadores padecen estas condicións, cifra que aumenta entre as empresas concesionarias.

Durante o mandato, o BNG impulsou iniciativas para mellorar as condicións laborais en diferentes servizos municipais, incluídos o Servizo de Axuda no Fogar, as Escolas Infantís Municipais e as conserxarías de instalacións deportivas. Soto lamenta que “o traballo a tempo parcial é demasiado común e os salarios en ocasións resultan insuficientes”, levando a que moitos traballadores externos en servizos municipais estean en situación de precariedade, algo que o BNG considera “inaceptable”.

A moción tamén propón que o Concello realice un estudo para identificar os servizos que deberían ser asumidos pola Xunta de Galicia e traballar para que a administración autonómica asuma as súas competencias nesta materia.

0.15455794334412