O BNG insta á Xunta a activar un plan de axudas para o sector pesqueiro afectado pola pesca do xurelo

ACoruñaXa
As candidatas do BNG pola provincia reuníronse cos Armadores do Cerco en Sada e destacaron a importancia de que Galicia se dote dun Instituto de Investigación Mariña propio
Reunión candidatas BNG coa Asociación Armadores de Cerco de Galiza, en Sada
31 Xan 2024

As candidatas do BNG Mercedes Queixas, Rosana Pérez e Iria Taibo, números 2, 3 e 8 da lista, respectivamente, mantiveron esta mañá un encontro coa Confraría de Pescadores de Sada e a Asociación de Armadores de Cerco de Galiza, representadas por quen é secretario destas dúas entidades, Alberto Castro.

“Cada vez estamos peor. Isto é o que nos acaban de transmitir os mariñeiros e armadores cos que nos reunimos na sede da Confraría de Pescadores de Sada”, relata Queixas. “A frota do cerco está novamente amarrada, sometida a novas vedas, recortes e cotas que na práctica prohiben a pesca do xurelo (só están permitidas as capturas accidentais, cando se vai a outras pescarías)”, engade.

A candidata o BNG denunciou que somos unha nación altamente dependente da pesca, mais a Xunta de Galiza non fixo nada durante 15 anos para lograr ese recoñecemento. “A Xunta tense que pór á fronte da defensa do sector pesqueiro galego, estratéxico para a nosa economía”, demanda Queixas á vez que insta o Goberno galego a “que active inmediatamente un plan de axudas complementarias para a xente do mar, mariñeiros e armadores, que minimice os graves prexuízos decorrentes dos recortes sistemáticos das nosas pescarías”.

Por outro lado, as candidatas nacionalistas partillaron cos representantes do sector a necesidade, fundamental, de que Galiza se dote dun instituto galego propio de investigación biolóxica sobre os recursos mariños e de pesca dos que dispomos que poda asesorar elaborando informes propios.“É a única forma de termos un coñecemento exacto da potencialidade dos nosos recursos e da nosa capacidade pesqueira sen termos que depender de informes de institutos alleos que, naturalmente, obedecen a outros intereses”, concluíu Mercedes Queixas.

 

0.064232110977173