O BNG esixe máis prazas nas escolas infantís públicas tras quedar 161 nenos sen acceso na Coruña

ACoruñaXa
Mercedes Queixas denuncia a insuficiencia da oferta actual e critica que a Xunta devolvese fondos europeos que poderían crear novas prazas
Imaxe da escola infantil dos Rosales na Coruña
17 Jan 2025

O BNG denunciou que un total de 161 nenos e nenas quedaron sen praza nas tres escolas infantís públicas de 0 a 3 anos dependentes da Xunta na cidade da Coruña: Sardiñeira, Monte Alto e Eirís, malia cumprir cos requisitos para acceder a elas.

A deputada e concelleira do BNG, Mercedes Queixas, cualificou a situación de "alarmante" e criticou a insuficiencia da oferta pública. "A oferta de prazas públicas en escolas infantís de 0 a 3 anos na nosa cidade é totalmente insuficiente", sinalou Queixas, quen rexistrou varias iniciativas no Parlamento galego para esixir solucións, entre elas unha proposición non de lei, unha pregunta oral e outra escrita.

A nacionalista avanzou que o seu grupo esixirá á Xunta un aumento na oferta de prazas e un compromiso real co ensino público e coas políticas de conciliación familiar. "O Goberno galego do PP non só non atende a demanda existente, senón que renuncia a recursos que poderían mellorar esta situación", lamentou.

Queixas criticou especialmente que o Goberno da Xunta, presidido por Alfonso Rueda, devolvese 22 millóns de euros ao Goberno central, procedentes de fondos europeos destinados a crear ata 3.417 novas prazas públicas en escolas infantís. "É unha irresponsabilidade política maiúscula renunciar a eses fondos cando hai evidencias de que non hai prazas suficientes para atender as necesidades das familias, e na Coruña temos 161 crianzas que fican fóra das escolas públicas", denunciou.

Ademais, acusou o Executivo galego de favorecer os centros privados en detrimento da educación pública. "O Goberno galego do PP nin cre na educación pública nin nas políticas de conciliación familiar, mentres continúa a drenar cantidades inxentes de diñeiro público ás escolas privadas", subliñou Queixas.

 

0.1343469619751