O BNG esixe garantías na protección do patrimonio de Culleredo ante as obras da AC-400
A deputada do BNG, Iria Taibo, presentou varias iniciativas no Parlamento Galego solicitando explicacións sobre as medidas de protección adoptadas pola Xunta de Galicia en relación á contorna da igrexa de Santa María de Celas e da Torre de Celas, en Culleredo, onde se están a realizar obras próximas.
Taibo, ante a crecente preocupación dos veciños, expresou a necesidade de garantir que estas intervencións non afecten negativamente a estes elementos patrimoniais. A deputada lembrou que a protección deste tipo de patrimonio é fundamental, e subliñou que a Xunta debería cumprir escrupulosamente as directrices marcadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para preservar a integridade destes bens.
A igrexa de Santa María de Celas, de orixe románica e catalogada no Plan Básico Autonómico, é un dos elementos protexidos cuxa preservación o BNG considera prioritaria. A formación nacionalista tamén levará este asunto ao próximo Pleno do Concello de Culleredo, co obxectivo de asegurar que as obras da AC-400 se realicen sen poñer en perigo o patrimonio cultural da zona.