O BNG denuncia atrasos de máis de dez meses no pagamento a provedores en Vilasantar

ACoruñaXa
A formación asegura que o período medio de pagamento do Concello chegou en marzo aos 316 días, segundo datos do Ministerio de Facenda
VILASANTAR casa concello (2)
9 Jun 2026

O BNG de Vilasantar alertou da situación económica que atravesa o Concello tras a publicación dos últimos datos do Ministerio de Facenda, correspondentes ao mes de marzo, nos que o período medio de pagamento a provedores se sitúa en 316 días. A cifra equivale a máis de dez meses de demora no abono de facturas a empresas e autónomos que prestan servizos á administración local.

Segundo a formación nacionalista, estes datos colocan a Vilasantar como o segundo municipio da provincia da Coruña que máis tarda en pagar ás súas empresas provedoras, só por detrás de Mugardos, que rexistra 328 días. No conxunto de Galiza, o Concello aparece como o terceiro con maior atraso.

O portavoz municipal do BNG, Álvaro García, cualificou a situación de 'extremadamente preocupante' e advertiu de que a demora está a ter consecuencias directas sobre o tecido económico local.

'Falamos de máis de dez meses de atraso no pagamento a empresas e autónomos que cumpren co seu traballo para o Concello. Isto non é unha anomalía puntual, é unha dinámica que vai a peor e que pon en risco a viabilidade de moitos provedores locais', sinalou García.

A formación tamén pon o foco na evolución recente dos datos. Segundo indican, hai tres meses o período medio de pagamento era de 216 días, polo que o atraso aumentou en 100 días nun prazo curto. Para o BNG, esta tendencia evidencia un problema estrutural na xestión económica municipal e afasta aínda máis o Concello do prazo legal de 30 días establecido para o pagamento a provedores.

Desde o grupo nacionalista reclaman medidas urxentes para corrixir esta situación, ao considerar que non se trata só dun problema contábel, senón dunha cuestión con impacto directo na economía do municipio. O atraso nos pagos obriga, advirten, a empresas e autónomos a asumir durante meses o custo dos servizos xa prestados.

0.14098405838013