O BNG defende na Coruña a elaboración dun plan do libro

ACoruñaXa
A número 2 do BNG pola provincia da Coruña, Mercedes Queixas, visitou á editorial Medulia no barrio dos Mallos e destacou a importancia da visibilización da literatura galega
Mercedes Queixas visita Medulia 2
Mercedes Queixas visita Medulia 2
31 ene 2024

O BNG considera irrenunciable a elaboración dun Plan do Libro e da Lectura que desenvolva por fin a Lei do Libro e da Lectura de 2007, incumprida de xeito sistemático polo PP ao longo dos seus 15 anos ininterrompidos de goberno.

Así o anunciou esta mañá na Coruña a número dous da candidatura do BNG ao Parlamento galego pola circunscrición coruñesa, Mercedes Queixas, durante a súa visita á editorial Medulia da man dos seus responsables, os poetas Xulio López Valcárcel e Diana Varela Puñal.

“Medulia é unha desas iniciativas que significan un xeneroso emprendemento arredor da creación e difusión da literatura galega. Fan cidade, desde o barrio dos Mallos, o meu barrio, e fan tamén país”, dixo Queixas. “Todo o noso apoio para un tecido de pemes que tornan A Coruña a cidade literaria por excelencia”, engadiu.

Queixas tomou boa nota das achegas de López Valcárcel e Varela Puñal e fíxolles partícipes das propostas que conforman o programa de goberno do BNG. Alén da posta en marcha do Plan do Libro e da Lectura, sinalou que se o BNG chega á Xunta o vindeiro 18 de febreiro “incrementarán de forma significativa o programa de adquisición de fondos editoriais para as bibliotecas volvendo priorizar a compra de libros en galego, xusto o contrario do que fixo o PP durante estes anos”.

O goberno do cambio galego creará tamén, avanzou Queixas, o Instituto Rosalía de Castro para garantir a “visibilización da literatura galega” tamén a escala internacional. Igualmente, o programa de goberno do BNG, resaltou, contempla garantir a presenza e participación activa do sistema literario nas feiras do libro, quer dentro quer fóra da Galiza, “de forma consensuada cos diferentes axentes” vinculados á industria editorial.