?> O BNG de Ordes propón tramitar un anexo de habitalidade para habilitar vivendas en baixos en ACoruñaXa

O BNG de Ordes propón tramitar un anexo de habitalidade para habilitar vivendas en baixos

ACoruñaXa
Para facilitar a implantación de vivendas nos baixos, o edil nacionalista considera preciso tramitar un anexo de habitabilidade sobre as áreas ou rúas do casco urbano de Ordes e do Mesón do Vento
Imaxe dunha rúa de Ordes
Imaxe dunha rúa de Ordes
Redacción ACoruñaXa
26 abr 2024

Pablo Vidal, portavoz do BNG, expuxo no pleno de abril, celebrado o xoves 25, que “malia que o goberno galego anunciou a última modificación das normas de habitabilidade de vivendas de Galicia, como o decreto que facilita a conversión de baixos comerciais sen uso en vivendas, o certo é que na grande maioría dos casos nada cambiou”.

Para Vidal, o principal impedimento radica “nas esixencias relativas á protección de vistas, debendo estar o pavimento do baixo cando menos, 70 cm elevado sobre o nivel da beirarrúa ou dispoñer dunha franxa de terreo de 2 m de fondo de uso privativo entre a fachada na que se sitúan as xanelas e a beirarrúa”.

Para facilitar a implantación de vivendas nos baixos, o edil nacionalista considera preciso “tramitar un anexo de habitabilidade no noso concello, sobre as áreas ou rúas do casco urbano de Ordes e do Mesón do Vento, nos que modificar ou eliminar as esixencias relativas ás condicións de protección de vistas”.

Desde o BNG apuntan que “con isto non queremos dicir que non deban existir unhas mínimas condicións de protección de vistas desde o exterior, nin que tódolos baixos teñan que ser aptos para ser transformados a vivenda se non reúnen as características precisas para elo”, mais desde o bloque entenden que “poden existir determinadas rúas ou áreas do noso concello, nos que a implantación de actividades comerciais ou hostaleiras nos baixos semella pouco probable, podendo resultar interesante a implantación de vivendas na vez de dispor de baixos sen uso e abandonados”.