O BNG de Oleiros solicitará ao Concello medidas urxentes en protección civil, educación e emprego

ACoruñaXa
Tamén pregunta sobre a xestión do dominio marítimo e os problemas cos xabarís na zona
Iván Roca do BNG de Oleiros
26 Nov 2024

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Oleiros pedirá no vindeiro pleno que o Concello elabore un plan de actuación de protección civil para facer fronte a posibles desbordamentos ou inundacións. Este requisito, que afecta a 51 concellos galegos, inclúe a Oleiros, que segundo o BNG, aínda non dispoñería deste documento fundamental para a seguridade cidadá. O grupo municipal urxe ao goberno local a tramitalo con celeridade e obter a aprobación necesaria da Xunta de Galicia.

O BNG de Oleiros presentará no pleno unha solicitude para que o Concello apoie a implantación de novos ciclos de Formación Profesional (FP) nos centros de ensino públicos do municipio. Actualmente, Oleiros só conta cun ciclo básico de FP, sen opcións de ciclos medios ou superiores, a pesar de ser un dos concellos con maior dinamismo demográfico da comarca. Esta situación obriga a moitos estudantes a desprazarse a outros municipios, o que o BNG considera inxusto e insuficiente. A través dunha emenda aos orzamentos da Xunta, presentada pola deputada oleirense Iria Taibo, o BNG propón crear unha oferta educativa máis ampla que cubra as necesidades do alumnado e fomente a formación especializada sen saír do municipio.

En materia de emprego, o BNG solicita a coordinación entre o Concello e a Xunta para deseñar un Plan municipal de emprego diversificado. Oleiros conta cunha elevada concentración de empresas no sector servizos, polo que consideran esencial incentivar outros sectores económicos e diminuír o desemprego. O BNG suxire que, a través do Centro Municipal de Formación, se elabore un estudo para identificar os ámbitos prioritarios que poidan xerar emprego no municipio. Este estudo serviría de base para desenvolver unha oferta formativa axustada ás necesidades locais e fomentar novas oportunidades laborais.

Outras cuestións destacadas inclúen a situación do dominio marítimo no paseo entre As Galeras e a praia de Santa Cruz. Costas afirma que o Concello non solicitou no seu momento a concesión necesaria, o que xera problemas na rehabilitación tras os desprendementos ocorridos. O BNG preguntará ao goberno local a súa postura sobre estas afirmacións.

Por último, abordarán a problemática dos xabarís tras o accidente de tráfico do pasado mes de outubro. O BNG indagará se existe un diálogo efectivo coa Xunta para ampliar as zonas de batida e garantir a seguridade viaria.

0.16034388542175