O BNG de Oleiros pedirá no pleno explicacións pola eliminación dos contedores soterrados de Santa Cristina

ACoruñaXa
O grupo nacionalista tamén levará ao pleno preguntas sobre transporte público, conservación do mural “27 arroaces e unha estrela” e outras demandas cidadás
Imaxe da Avenida de Santa Cristina en Oleiros
27 Nov 2024

O BNG de Oleiros cuestionará no pleno municipal o custo da eliminación dos contedores soterrados na zona de Santa Cristina, un cambio que o alcalde xustifica polo suposto mal uso cidadán destes colectores. Segundo afirmou, “os cidadáns non empregan os contedores soterrados porque alegan que as bolsas non caben, algo que non é certo, pero non se poden usar bolsas inmensas”. Ademais, sinalou directamente aos hostaleiros como principais infractores por non introducir correctamente os residuos, incluído o vidro, nos colectores.

Ante estas declaracións, o BNG pregunta se desde o Concello se tomaron medidas previas para sensibilizar, educar e, de ser necesario, sancionar aos infractores antes de decidir eliminar este sistema de recollida de lixo. “Non queremos que se penalice á cidadanía sen ter feito antes un esforzo en información e concienciación”, indican desde o grupo nacionalista, que tamén insta a que se aclare o impacto económico deste cambio para as contas municipais.

Ademais, o BNG levará outras demandas cidadás ao pleno. Entre elas, a necesidade de reforzar o transporte público ante o crecemento poboacional que se prevé coas novas urbanizacións, como as 290 vivendas proxectadas na nova Icaria. Critican a inacción tanto da Xunta como do propio Concello na planificación dunha mobilidade que consideran esencial para o futuro da comarca.

Outro tema destacado será a exclusión do mural “27 arroaces e unha estrela”, do recoñecido artista Xabier Correa Corredoira, na exposición sobre muralismo urbano instalada en Santa Cristina. Para o BNG, esta obra pioneira, próxima ao espazo da mostra, debería formar parte do recoñecemento ao patrimonio cultural do municipio e, ademais, recibir unha restauración urxente.

Por último, o BNG tamén abordará outros problemas locais, como a falta de liña telefónica en Vilanova tras un accidente ou os riscos para os usuarios da sauna masculina de Dorneda, onde o chan esvaradizo leva máis dun ano sen solución.

0.16345810890198