O BNG de Miño denuncia novas deficiencias no transporte municipal
O BNG de Miño volveu poñer o foco no servizo de transporte municipal, o autobús que conecta as diferentes parroquias co centro de saúde, no que se rexistraron novas incidencias.
“O 11 de xullo non se prestou o servizo, tendo que recorrer a taxis porque a empresa concesionaria do servizo de autobús non realizou a súa ruta e hoxe vemos como houbo paradas das que ten programadas que non fixo”, sinalou o voceiro do BNG, Alberte G. Nicolás. “Temos un servizo precario, que non conecta dunha maneira eficiente aos diferentes núcleos do noso concello como levamos tempo denunciando”, engadiu.
Para as nacionalistas, é necesario explorar alternativas que conecten “a todo o mundo e en horarios flexíbeis” antes de renovar o servizo actual “por inercia”. “Cabe lembrar que hai un ano presentamos unha proposta para estudar a creación dun “Coche de Punto” que saia de rutas ríxidas e que poida ter horarios máis amplos”, sinalou o voceiro nacionalista.
“En definitiva, trataríase dun modelo de mobilidade a demanda con recollida no domicilio, garantindo os principios de accesibilidade e universalidade, e adaptada ás necesidades da veciñanza dun xeito máis racional e sustentábel”, reiterou.