O BNG de Culleredo ofrece formularios para alegacións e ampliación de prazo na limpeza de fincas

ACoruñaXa
O grupo municipal ofrece tamén unha guía informativa ante as múltiples consultas da veciñanza
Imaxe da xestión da biomasa en Culleredo
8 Nov 2024

O BNG de Culleredo puxo a disposición da cidadanía unha serie de formularios para presentar alegacións ou solicitar máis tempo no cumprimento das notificacións do Concello relacionadas coa limpeza de fincas. Esta iniciativa responde ás máis de 6.000 comunicacións enviadas recentemente polo Concello, que urxen á veciñanza a realizar tarefas de xestión da biomasa nas súas parcelas, seguindo as directrices da Lei 3/2007 de prevención de incendios forestais en Galiza.

Ante a multitude de preguntas recibidas, o BNG de Culleredo publicou na súa web tanto os formularios coma unha guía práctica con respostas ás dúbidas máis frecuentes, para facilitar o proceso á veciñanza. A falta de recursos no Concello, na Xunta de Galiza e na empresa SEAGA, encargada das inspeccións, xerou incerteza entre os veciños, polo que o BNG decidiu proporcionar orientación adicional.

Os formularios e a guía están dispoñibles para descarga na páxina web da formación política, e pódense presentar tanto na sede electrónica do Concello como presencialmente nos rexistros municipais.

0.1201388835907