O BNG de Culleredo leva ao Pleno o rexeitamento ao plan de urbanización do Pazo dos Serrano

ACoruñaXa
A moción proposta solicita que o espazo se destine a parque público e se inicie a súa protección como Ben de Interese Cultural
Imaxe do Pazo dos Serrano en Culleredo
10 sep 2024

O BNG de Culleredo presentará no Pleno Municipal do xoves 12 de setembro unha moción para rexeitar o Plan Especial de Reforma Interior (PERI) que busca urbanizar o Pazo dos Serrano, situado en Vilaboa. A moción solicita que o espazo se conserve como un parque público, seguindo o acordo alcanzado en 2013 durante a aprobación inicial do novo PXOM.

O Pazo dos Serrano, tamén coñecido como Villa Celina, é un conxunto patrimonial significativo que forma parte central do núcleo histórico do Rueiro en Rutis. O grupo municipal nacionalista defende que a proposta actual de urbanización, impulsada por Aliseda (inmobiliaria propiedade de Blackstone e Banco Santander), desfigura e altera gravemente o carácter do conxunto histórico, contrariamente ao acordado en 2013.

A moción do BNG tamén inclúe solicitar o inicio do procedemento para declarar o Pazo dos Serrano como Ben de Interese Cultural, asegurando así a súa protección e conservación. Este paso é visto como unha medida necesaria para salvagardar o patrimonio e a integridade do núcleo poboacional ao que pertence.

O Plan Especial aprobado inicialmente o 11 de decembro de 2023 elimina parte substancial do Pazo para substituílo por novas edificacións, o que, segundo o BNG, contradí as normas de protección establecidas pola Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galicia e outras referencias legais relacionadas co Camiño de Santiago.

A moción do BNG busca garantir que o Pazo dos Serrano siga sendo un recurso cultural e histórico valioso para a comunidade, sen que se vexa comprometido pola nova urbanización.

0.13546705245972