O BNG de Culleredo denuncia irregularidades no cobro do IBI a Audasa polo paso da AP-9

ACoruñaXa
Denuncian que gran parte dos terreos non están rexistrados no Catastro, afectando ao cobro do imposto
Imaxe da AP-9 por Culleredo
19 sep 2024

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Culleredo presentará unha moción no próximo Pleno Municipal do martes 24 de setembro para reclamar a revisión do Imposto de Bens Inmobles (IBI) cobrado a Audasa, concesionaria da AP-9, ao detectar que gran parte dos terreos ocupados pola autoestrada non están rexistrados no Catastro.

Segundo a información recollida pola Dirección Xeral do Catastro, a maioría do trazado da AP-9 ao seu paso por Culleredo non figura baixo ningunha parcela catastral, o que impide o cálculo correcto do IBI. O BNG tamén sinala que só unha pequena parte, arredor de 75.000 metros cadrados, aparece rexistrada, o que representa menos dun terzo do total do trazado.

A formación nacionalista denuncia que o goberno local do PSOE non respondeu ás solicitudes de información sobre este asunto, criticando a falta de transparencia. O BNG advirte que esta situación impide que o Concello cobre o 100% do imposto que debería corresponder a Audasa, e insta ao executivo municipal a asegurar que todos os terreos da AP-9 sexan incluídos no inventario catastral.

 

 

0.13171100616455