O BNG de Coirós reclama bonificacións pola instalación do sistema de autoconsumo eléctrico

ACoruñaXa
Os nacionalistas piden ao goberno que inicie os trámites e estudos necesarios para a modificación da ordenanza de Impostos e Bens Inmobles do concello coa fin de que se bonifique o 50% deste imposto
Imaxe da voceira do BNG de Coirós, Pura Ferreño
Imaxe da voceira do BNG de Coirós, Pura Ferreño
8 abr 2024

O BNG de Coirós propón ao Concello realizar un estudo para modificar a ordenanza de Impostos e Bens Inmobles (IBI) para bonificar ás vivendas unifamiliares, empresas e comunidades enerxéticas que realicen instalacións de sistemas de placas fotovoltaicas para autoconsumo.

“No contexto de emerxencia climática actual as administracións están na obriga de ser vangarda de accións e pasos cara á descarbonización e cara unha necesaria transición ecolóxica, dado que é urxente reducir as emisións de CO2 e outros gases nocivos e o abandono progresivo dos combustibles fósiles”, explica a voceira do BNG de Coirós, Pura Ferreño.

Ao que a nacionalista engadiu: “As instalacións fotovoltaicas para autoconsumo teñen moitos beneficios, por unha banda xeran enerxía limpa e diminúen a dependencia de combustibles fósiles. Por outra banda, reducen a factura ao reducir o consumo desde a rede eléctrica e permite a incorporación á mesma dos excedentes nos puntos de maior xeración eléctrica, excedentes polos que a persoa ou entidade produtora percibe unha compensación económica".

“Mais a instalación deste tipo de sistemas de autoconsumo eléctrico, aínda que amortizable co paso dos anos, ten un importante custo económico inicial, un custo que, por desgraza, non é asumible para moitas familias”, detallou a portavoz nacionalista.

“Todas as administracións, dentro do seu marco de competencias, deben promover e facilitar ao conxunto da sociedade esta transición ecolóxica e pór en marcha accións e mecanismos que faciliten que cada vez haxa máis persoas e entidades apostando polo autoconsumo eléctrico”, indicou Ferreño.
É por todo isto que “instamos ao goberno municipal de Coirós iniciar os trámites e estudos necesarios para a modificación da ordenanza de Impostos e Bens Inmobles do noso concello para que a partir do 1 de xaneiro do 2025 se bonifique o 50% deste imposto -durante os catro anos seguintes á súa posta en funcionamento- ás vivendas unifamiliares, empresas e comunidades enerxéticas que realicen instalacións de sistemas de placas fotovoltaicas para autoconsumo”, concluíu Pura Ferreño.