O BNG de Coirós propón melloras sociais e ambientais no orzamento municipal de 2025

ACoruñaXa
A voceira nacionalista, Pura Ferreño, destaca a necesidade de incorporar medidas que impulsen o benestar veciñal e a sostibilidade no concello
Imaxe da voceira do BNG de Coirós, Pura Ferreño
12 Dec 2024

O BNG de Coirós presentou unha batería de propostas para mellorar o proxecto de orzamento municipal para 2025. A voceira nacionalista, Pura Ferreño, explicou que o obxectivo destas alegacións é corrixir as deficiencias do documento inicial e adaptalo ás necesidades reais das veciñas e veciños. “Queremos resolver carencias importantes e facer do orzamento unha ferramenta ao servizo da veciñanza e da sostibilidade”, afirmou Ferreño.

Entre as críticas destacadas polo BNG atópase a escasa partida destinada a investimentos, que representa apenas un 4,7 % do orzamento total, limitado a recursos dos Plans de Obras e Servizos da Deputación da Coruña. Ademais, a partida de “outros gastos diversos” e os pagos a empresas privadas, que suman preto de 296.000 euros, foi cualificada como de “difícil fiscalización”.

Propostas en clave social e ambiental

Desde o BNG solicitan que parte deses fondos se destinen a proxectos innovadores como o desenvolvemento de sistemas de saneamento descentralizados baseados en filtros vexetais para as zonas que carecen deste servizo. Tamén propoñen comezar os trámites para crear un transporte municipal que favoreza a mobilidade no concello.

En liña coa eficiencia e a xustiza social, Ferreño defende que as axudas por nacemento se distribúan en función do nivel de renda e que sexan redactadas de forma inclusiva para recoñecer a diversidade familiar. Tamén esixe que se utilicen os 20.000 euros destinados á loita contra a violencia machista, hoxe sen uso, para campañas de sensibilización e actividades que promovan a igualdade e erradiquen comportamentos machistas.

Patrimonio, accesibilidade e mobilidade saudable

As nacionalistas reclaman medidas que melloren a accesibilidade nos espazos municipais para persoas con diversidade funcional e a optimización acústica do pavillón polideportivo da Cortella. Ademais, suxiren unha campaña de limpeza e sinalización de fontes e lavadoiros históricos como parte dunha estratexia para preservar o patrimonio local.

Outro dos proxectos estrela é a creación dunha rede de “camiños saudábeis” que conecten as parroquias coas principais zonas do concello, promovendo o desprazamento peonil e en bicicleta e afastando aos veciños do tráfico rodado.

Ferreño destacou que estas propostas, recollidas en conversas con entidades veciñais e colectivos locais, buscan “un Coirós máis inclusivo, sostible e comprometido co benestar da súa veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.56633496284485