O BNG de Coirós leva ao pleno unha moción para impulsar un centro de día público para maiores e persoas dependentes

ACoruñaXa
Os nacionalistas apelan ao envellecemento do municipio e piden estudos técnicos, un proceso participativo e apoio financeiro da Xunta e doutras administracións
COIROS bng pura ferreño
28 Jan 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Coirós presentou unha moción para promover a creación dun centro de día público destinado a persoas maiores e dependentes, coa intención de reforzar os servizos de proximidade e apoiar ás familias coidadoras.

A iniciativa baséase na evolución demográfica do municipio. Segundo expón o BNG con datos oficiais do Instituto Galego de Estatística, Coirós ten preto de 2.000 habitantes e máis dun terzo supera os 65 anos, cunha porcentaxe salientable por riba dos 75. Para a formación, esta realidade fai ‘urxente’ ampliar recursos sociosanitarios no propio concello.

A portavoz nacionalista, Pura Ferreño, sostén que ‘Coirós non pode seguir mirando para outro lado’ mentres hai veciñanza que ten que desprazarse a outros municipios ou permanece na casa ‘sen os apoios necesarios’. Ferreño defende que un centro de día ‘non é un luxo’, senón un servizo que axuda a manter a autonomía, combater a soidade non desexada e aliviar a carga de coidados, especialmente a que asumen moitas mulleres.

O BNG lembra que a competencia para crear e xestionar un centro de día corresponde á Xunta de Galicia, pero considera que isto non impide que o Concello impulse a demanda e lidere a reclamación de recursos. Entre as propostas inclúese iniciar estudos técnicos para definir o proxecto, cuantificar a demanda potencial, analizar localizacións e calcular custes de investimento e funcionamento.

A moción tamén insta a solicitar colaboración institucional e financeira da Xunta e a explorar outras vías de financiamento, incluídas as provinciais, estatais ou europeas. Ademais, recolle a apertura dun proceso participativo no que se escoite a asociacións de maiores, entidades sociais e profesionais do ámbito sociosanitario, co obxectivo de definir un modelo adaptado ás necesidades reais de Coirós. ‘Apostar por un centro de día público é apostar por un Coirós máis xusto, máis humano e con futuro’, conclúe Ferreño.

⚙ Configurar cookies
0.077607870101929