O BNG de Coirós esixe ao Estado a rotonda en Queirís tras outro accidente

ACoruñaXa
Pura Ferreño pregunta cantos accidentes máis teñen que ocorrer para que se solucione un problema histórico de sinistralidade na N-VI ao paso por Coirós
Pura Ferreño, BNG Coirós
15 Jan 2025

O BNG de Coirós reiterou a súa demanda de mellora na seguranza viaria no cruzamento de Queirís tras un novo accidente ocorrido na zona a finais da semana pasada. A voceira nacionalista, Pura Ferreño, volveu poñer o foco na necesidade de executar o proxecto da rotonda neste punto perigoso, unha actuación prometida e paralizada polo Estado desde hai anos.

“Cantos accidentes máis teñen que ocorrer para que o Estado considere este punto como de alta sinistralidade e poña, dunha vez por todas, unha solución a un problema que levamos anos padecendo?”, lamentou Ferreño, denunciando a inacción do Goberno central ante a elevada perigosidade deste tramo.

O BNG lembra que a construción da rotonda no cruzamento de Queirís é unha demanda histórica tanto da veciñanza como da formación nacionalista. Este último accidente súmase ao ocorrido o pasado setembro, no que se viu involucrado un camión, reforzando a urxencia de abordar esta actuación.

Declaración como tramo de concentración de accidentes

A formación nacionalista considera que o tramo da N-VI ao seu paso por Queirís cumpre os requisitos para ser declarado como tramo de concentración de accidentes, o que permitiría priorizar as actuacións necesarias. Pura Ferreño tamén lembrou que esta mellora está recollida no acordo de investidura asinado entre o BNG e o PSOE na lexislatura actual, no que se comprometeron a actuar nos puntos de maior risco da Rede de Estradas do Estado en Galicia.

“A seguridade viaria é unha cuestión prioritaria. Esperamos que desta vez a nosa proposta sexa tomada en serio e que as obras da rotonda comecen canto antes para evitar máis accidentes”, concluíu Ferreño.

0.16028690338135