O BNG de Betanzos reclama melloras nos servizos dos núcleos rurais

O BNG de Betanzos presentará unha iniciativa no pleno municipal cunha batería de medidas destinadas a mellorar os servizos que reciben as veciñas e veciños dos núcleos rurais. A proposta inclúe a creación de liñas de transporte público con horarios regulares e accesibles para todas as idades, actuacións para facilitar o acceso á vivenda e a apertura diaria dos locais sociais das parroquias.
A formación nacionalista considera que nos últimos anos se acentuou o desequilibrio entre o centro urbano e as zonas rurais en materia de investimentos, mantemento de infraestruturas, acceso aos servizos públicos e dinamización social. Por iso, reclama garantir que a veciñanza das parroquias dispoña dos mesmos dereitos e oportunidades que quen reside no centro de Betanzos.
O concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía, Antón Tenreiro, sinala que a mobilidade nas parroquias presenta importantes carencias en materia de seguridade viaria. Moitos camiños e estradas locais carecen de espazos adecuados para o tránsito peonil e ciclista, o que dificulta os desprazamentos cotiáns e limita a convivencia segura entre vehículos e persoas, especialmente nas zonas con maior circulación de camións.
A esta situación súmase, segundo os nacionalistas, a falta dun servizo regular de transporte público que conecte de maneira efectiva os distintos núcleos rurais co centro de Betanzos. O BNG lembra que leva anos solicitando unha liña con horarios fixos e accesible para todas as idades, tamén para a mocidade, que permita realizar xestións básicas como acudir ao centro de saúde, realizar trámites administrativos, asistir a actividades extraescolares ou facer compras sen depender do vehículo privado.
A iniciativa tamén propón reforzar e achegar os servizos de información e atención ás persoas maiores ás zonas máis afastadas do centro urbano. Ademais, contempla programas específicos de apoio para o mantemento de vivendas, hortas e servizos de lavandaría.
En materia de vivenda, o BNG reclama unha intervención activa do Concello para frear a perda de habitantes e atraer novas familias ás parroquias. Entre as medidas propostas figuran a elaboración dun censo de vivendas desocupadas e o impulso de incentivos para a súa rehabilitación, limpeza e posta no mercado do alugueiro.
A proposta inclúe tamén actuacións para mellorar os espazos comunitarios rurais. Tenreiro considera que a cohesión social de Betanzos pasa por manter vivos os lugares de encontro das parroquias, polo que defende facilitar a apertura diaria dos locais sociais, recuperar instalacións deportivas deterioradas ou en desuso, mellorar os parques infantís e deseñar unha programación estable de actividades para todas as idades.