O BNG de Betanzos reclama medidas que impulsen o comercio local

ACoruñaXa
A voceira do BNG, Amelia Sánchez sinalou que o sector do comercio é un dos grandes xeradores de riqueza e de emprego da cidade de Betanzos e que por elo, o Concello debe amosar un firme compromiso coa asociación que os aglutina
A voceira nacionalista no Concello de Betanzos, Amelia Sánchez
29 Feb 2024

O BNG de Betanzos demandou no pleno o respaldo do goberno local ao centro comercial aberto. As nacionalistas advierten que, a estas alturas do ano 2024, o goberno do PSOE non tramitou o pago da subvención nominativa outorgada a ACEBE-CCA no pasado 2023.

A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, amosou a súa preocupación polo atraso na xestión do convenio e recordou que “deste convenio depende boa parte da actividade de ACEBE CCA, que tivo que adiantar os cartos a través dun crédito bancario para facer fronte aos proxectos que tiñan planificados. Asemade, soubemos que non se ían desenvolver dúas das campañas de dinamización que lles foran comunicadas: unha feira de oportunidades e unha segunda campaña que ía ter lugar no mes de febreiro”.

Desde o BNG de Betanzos lamentan a falta de apoio do goberno do PSOE “a un sector estratéxico para Betanzos como é o comercio”. As nacionalistas  indicaron que cómpre que os distintos gobernos (municipal, provincial, galego e estatal) promovan políticas en beneficio do sector, para mellorar a situación destes negocios. “Cremos que o goberno local debe facer un esforzo en promover o consumo no pequeno e mediano comercio, fonte de riqueza e de emprego para a nosa veciñanza”, engadiu Sánchez.

Durante a presentación da súa iniciativa pedíronlle ao goberno local que solucione de maneira inmediata os problemas de xestión que impiden a sinatura e o cobro do convenio correspondente ao ano 2023 con ACEBE CCA (e coas outras entidades pendentes de cobro dos convenios de 2023); mais tamén que expliquen os motivos polos que non se desenvolveron as campañas de dinamización comercial previstas e que se poñan marcha campañas específicas de apoio ao pequeno comercio local. “Cambiar indicadores ou mobiliario público cunha subvención europea non é dinamizar un sector económico estratéxico para unha cidade como Betanzos”, advirten.

 

0.19900393486023