O BNG de Betanzos reclama máis grupos e quendas nas actividades dos locais sociais

ACoruñaXa
As nacionalistas alertan da escaseza de horarios e do elevado número de persoas que quedaron fóra das actividades de ximnasia
BETANZOS amelia sanchez bng
3 Oct 2026

O BNG de Betanzos reclama ao Concello que amplíe o número de prazas, grupos e quendas do programa 'Movemento, ritmo e vida', despois de que numerosas persoas quedasen excluídas da convocatoria. As nacionalistas presentaron unha iniciativa no último pleno municipal para pedir solucións ante a elevada demanda e os problemas cos horarios ofertados.

Segundo explica a concelleira do BNG Amelia Sánchez, o programa ten como obxectivo fomentar a práctica de actividade deportiva entre a poboación adulta nos locais sociais, tendo como principais usuarias as veciñas do rural de Betanzos.

Non obstante, a formación asegura que desde a apertura do prazo de inscrición as usuarias trasladaron diversas dificultades relacionadas tanto co número de prazas dispoñibles como cos horarios. Entre elas, sinalan a escaseza de quendas, xa que hai locais nos que só se oferta unha quenda a pesar da elevada demanda.

O BNG tamén critica que nalgúns centros só existan horarios de mañá ou de tarde, unha circunstancia que, segundo indican, dificulta a participación das persoas que traballan ou estudan. As nacionalistas poñen como exemplo o local social de Infesta, onde só se ofrece unha quenda durante a mañá. Esta situación, segundo explican, levou algunhas persoas a inscribirse noutros centros sociais ou directamente a non participar no programa.

A formación nacionalista tamén alerta do número de persoas que quedaron sen praza tras a publicación das listas de admitidas nos últimos días. Segundo os datos trasladados polas usuarias ao BNG, arredor de 200 persoas quedarían fóra das listas, unha cifra que consideran elevada.

'As usuarias indícannos que arredor de 200 persoas quedaron fóra das listaxes de admitidas, un número moi elevado de veciñas para as que o goberno do PSOE debe buscar unha solución', sinalou Amelia Sánchez.

O BNG reclama así ao Goberno local que adopte medidas para incrementar as prazas e crear novos grupos e quendas, co obxectivo de dar resposta á demanda existente e facilitar que as persoas interesadas poidan participar nas actividades con horarios compatibles coas súas circunstancias.

0.14761018753052