O BNG de Betanzos pide ao PP que non crispe a veciñanza a través dos actos do Día da Muller

ACoruñaXa
Desde o BNG indican que “o PP está tentando crispar e difuminar o protagonismo dos premios da Muller Emprendedora e Úrsula Menéndez de Texeda, que tería que ser para as veciñas, para as mulleres, e non para polémicas estériles provocadas coa soa intención de intentar crear crispación social para sacar rédito político”
Imaxe do Premio Úrsula Meléndez de Texeda do Concello de Betanzos
15 Mar 2024

No BNG de Betanzos manifestáronse publicamente para esixirlle ao PP que deixe de crispar a convivencia entre os veciños e veciñas de Betanzos difundindo mentiras sobre os actos públicos municipais arredor do Día da Muller aos que acoden as concelleiras nacionalistas.

A través dun comunicado emitido polas nacionalistas sinalaron: “Desde o BNG queremos clarificar, diante das acusacións do Partido Popular, que a nosa portavoz Amelia Sánchez e a nosa concelleira Vanessa Rey, acudiron onte á entrega de premios distintivo Muller Emprendedora que organizou o Concello de Betanzos, despois de ver a publicidade sobre este evento publicada na axenda municipal na web do concello e redes sociais. Da mesma maneira que aconteceu na entrega do premio Úrsula Menéndez de Texeda, ao cal acudiu o grupo municipal ao completo e para o que tampouco recibimos convite nin individual nin como grupo municipal”.

No BNG insistiron en que, “en ningún momento, nin o BNG, nin a portavoz, nin ningunha das concelleiras recibiron convite ningún de forma oficial para asistir a este evento, a pesar do que intenta dar a entender o PP. O Partido Popular podería coñecer esta información só preguntando, cousa que nunca fixo, senón que preferiu intentar crear crispación con este tema como vén sendo habitual nos últimos meses”.

Para as nacionalistas, con estes feitos estase tentando crispar e difuminar o protagonismo destes premios, que tería que ser para as veciñas, para as mulleres, e non para polémicas estériles provocadas coa soa intención de intentar crear crispación social para sacar rédito político.

0.15258502960205