O BNG de Betanzos esixe a convocatoria urxente das subvencións municipais de 2025

ACoruñaXa
Piden o apoio do Pleno para forzar que "se convoquen as subvencións en concorrencia competitiva do ano 2025 o antes posible e sempre antes de metade de ano"
Imaxe de Amelia Sánchez do BNG de Betanzos
Amelia Sánchez
24 Jan 2025

O BNG levará a Pleno o malestar dos clubs e das asociacións de Betanzos polo xeito en que se convocaron as subvencións municipais, a mediados de decembro de 2024 e con só dez días naturais para solicitalas. As nacionalistas pedirán o apoio do Pleno para forzar que "se convoquen as subvencións en concorrencia competitiva do ano 2025 coas contías que recolle o orzamento prorrogado actualmente en vigor o antes posíbel, e sempre antes de metade de ano"

Relatan desde o BNG que "o pasado ano, tras anos de insistencias e como condición do acordo de investidura, conseguimos que o goberno local do PSOE modificara o sistema polo que se concedían as subvencións no Concello de Betanzos". "Dun sistema onde mais do 80% das subvencións se concedían de forma nominativa, "a dedo", sen ningún sistema nin criterio obxectivo de valoración, pasouse a un sistema onde a maioría destas axudas se conceden por concorrencia, garantindo a igualdade de condicións no acceso aos cartos públicos para todas as entidades que decidan pedilas", relata a voceira do BNG, Amelia Sánchez.

"Porén, no pasado ano, a pesar da insistencia do noso grupo e tras ter negociado as bases de subvencións para entidades deportivas, culturais e veciñais en agosto, convocáronse xa comezado o mes de decembro, cuns prazos mínimos para solicitalas e unhas cantidades que non coincidían coa suma do que se recollía no orzamento para estas convocatorias, pois en casos como o das subvencións para entidades culturais víanse reducidas as contías" denuncian as nacionalistas.

A mais abundar, advirten que o executivo do PSOE deixou sen convocar as liñas de axudas pactadas destinadas a entidades como as ambientais ou as comisións de festas, que finalmente se viron excluídas da convocatoria de subvencións municipais que o goberno de María Barrral lanzou nos últimos meses do ano.

"Mesmo nas tres únicas subvencións nominativas que se concederon, houbo modificacións nos convenios asinados con respecto a outros anos, sen que se negociaran estes cambios coas entidades solicitantes" denuncia a voceira do BNG.

"Todo isto provocou descontento no tecido asociativo do noso concello, polas dificultades que supón a tardanza na convocatoria, os escasos prazos e a inseguridade sobre as convocatorias á hora de realizar e programar as súas actividades" advirten as nacionalistas. Desde o BNG non dubidan en responsabilizar dos prexuízos ocasionados ás entidades ao executivo do PSOE, e advirten que  "é moi importante corrixir isto nos próximos anos".

Por este motivo, ademais de trasladar o malestar por este proceder e polo recorte de fondos nas axudas realizado polo goberno do PSOE, as nacionalistas demandarán no Pleno que se convoquen as subvencións en concorrencia competitiva do ano 2025 coas contías que recolle o orzamento prorrogado actualmente en vigor o antes posíbel, e sempre antes de metade de ano.

Ademais, demandarán que "nestas subvencións para o ano 2025 se garanta que poidan presentarse cunhas bases específicas todas as entidades que desenvolven traballo asociativo no noso concello, incluídas as entidades ambientais ou veciñais, as comisións de festas e outras".

"Acceder en igualdade de oportunidades a unha subvención ou a unha praza de emprego público é algo esencial na democracia", conclúe.

0.18189787864685