O BNG de Betanzos demanda os resultados da auditoría do comedor do Vales Villamarín

ACoruñaXa
Amelia Sánchez, voceira do BNG: “O concello debe dar a coñecer con detalle os parámetros que se tiveron en conta nesa auditoría e os resultados do estudo a todas as integrantes da comunidade educativa”
Imaxe dos representantes do BNG de Betanzos
Imaxe dos representantes do BNG de Betanzos
18 abr 2024

O BNG de Betanzos anunciou que presentarán unha iniciativa no próximo Pleno para que se dean a coñecer os resultados da auditoría que se realizou sobre o servizo de comedor do CEIP Francisco Vales Villamarín.

Segundo a súa voceira, Amelia Sánchez, “nos días pasados as familias que integran a comunidade educativa do Vales coñecían que o servizo fora sometido a unha auditoría en que obtivera un resultado inmellorábel, cunha puntuación que case acadaba os 99 puntos sobre 100”.

Desde o BNG criticaron que esta cuestión se fixese pública a través do servizo de mensaxería ABALAR e que non se publicasen os documentos completos da mencionada auditoría, máxime se temos en conta as críticas que sobrevoan o servizo de comedor desde hai anos.

As nacionalistas afirman que son numerosas as familias que seguen a dirixirlles as súas queixas pola calidade e a cantidade da comida que se serve aos nenos que fan uso do servizo e que esta auditoría provoca máis malestar. “Queremos coñecer polo miúdo os parámetros que se tiveron en conta nesa auditoría e os resultados detallados do estudo”, puntualizou Sánchez.