O BNG de Bergondo denuncia o derrubamento dunha parte da Reitoral de Guísamo

ACoruñaXa
O voceiro do BNG en Bergondo sinala que: “Hai 12 anos que comezamos a traballar para que o Concello adquirise a Reitoral e a rehabilitase para patrimonio público, pero os sucesivos Gobernos nunca demostraron un interese real na súa recuperación”
Imaxe da casa do Reitoral de Guísamo
Imaxe da casa do Reitoral de Guísamo
12 mar 2024

O BNG de Bergondo lamentou a caída a última hora da tarde deste luns dunha parte da Reitoral de Guísamo. Ante este acontecemento, os nacionalistas anunciaron que preguntarán no vindeiro pleno pola folla de ruta do Goberno Local sobre esta casa Reitoral.

"Hai 12 anos que comezamos a traballar para que o Concello adquirise a Reitoral e a rehabilitase para patrimonio público, pero os sucesivos Gobernos nunca demostraron un interese real na súa recuperación. Pensamos que a creación da nova concellería de patrimonio, a partir das municipais de maio, contribuiría a que se avanzase neste tema, mais, a día de hoxe, non se lle coñece acción algunha", expuxo o portavoz municipal David Carro.

"Hai anos chegou a haber negociacións co Arcebispado, propietario do inmóbel, pero non se alcanzou un acordo e nunca máis se volveu a intentar. No BNG insistimos en múltiples ocasións, a última aínda no pasado pleno de xaneiro, xa que era evidente que os sucesivos invernos estaban danando esta construción", indicou o voceiro nacionalista.

"Insistimos tamén en que, en caso de non chegar a acordos, o Goberno Local apremara ao Arcebispado a tomar medidas para garantir a seguridade, máxime cando enfronte desta casa Reitoral se sitúa un espazo de lecer moi concorrido. Xusto enfronte do parque infantil, parque biosaudábel e pista polideportiva é fundamental manter a seguridade e, de non ser así, pasar a vía coercitiva e aplicar as sancións previstas na normativa”, engadiu Carro.

“Hai un ano a concellería de urbanismo de AV anunciou unha sanción, no mesmo lote que a que se pensaba impor á Xunta polo estado do LIGAL, sancións ambas desmentidas a posteriori pola alcaldía. Que pasaría se chega a caer enriba dunha persoa, ou dun neno ou nena dos que acoden a xogar ao parque? Non se pode xogar coa seguridade da veciñanza", afirmou Carro.

"Resulta lamentábel esta importante perda patrimonial, en pleno centro de Guísamo, que rehabilitada para uso público podía ser a mellor homenaxe ao falecido Señor García Verdía. É a segunda oportunidade que o Goberno Local de AV e do PSOE deixan escapar despois da Casa Cortés. O goberno local afunde igual que esta Reitoral, ou as beirarrúas de Gandarío", concluíu o portavoz nacionalista.

O BNG anunciou ademais que preguntará no vindeiro pleno pola folla de ruta do Goberno Local sobre esta casa Reitoral.