O BNG de Abegondo solicita a declaración de dúas árbores senlleiras do Concello

ACoruñaXa
Blan García Roel: “No noso Concello non hai ningunha árbore dentro do Catálogo de Árbores Senlleiras, como así manifestou a Xunta de Galiza nas súas correccións ao PXOM de Abegondo”
Imaxes das dúas árbores que o BNG quere declarar árbores senlleiras
Imaxes das dúas árbores que o BNG quere declarar árbores senlleiras
9 abr 2024

O BNG pediu a declaración de árbores senlleiras do eucalipto de Bordel en Sarandós e o carballo de San Paio en Vilacova. “No noso Concello non hai ningunha árbore dentro do Catálogo de Árbores Senlleiras, como así manifestou a Xunta de Galiza nas súas correccións ao PXOM de Abegondo “, explicou o voceiro do BNG en Abegondo Blan García Roel.

“O eucalipto de Bordel en Sarandós, excepcional polo porte e as dimensións está situado na contorna da torre de Peito Bordel vinculada, esta casa, á lenda do tributo das 100 Doncelas, á Casa de Figueroa e á máis profunda historia do territorio de Abegondo”, explicou o portavoz do BNG, Blan García Roel. “A inclusión deste exemplar no catálogo de árbores senlleiras facilitaría o coidado e podas que actualmente está a realizar a familia propietaria do mesmo para evitar que sufra unha enfermidade, como a que obrigou a talar outra árbore similar na mesma parcela”, engadiu.

“O carballo da Capela de San Paio en Vilacoba excepcional, tamén, polas dimensións e o porte que presenta e ademais por atoparse intimamente relacionado cunha romaría de ancestral tradición nas nosas terras como é a de San Paio e vinculado, tamén ao Camiño de Santiago”, informou o voceiro nacionalista. “Solicitamos que se inclúa no catálogo para poder protexelo e recuperalo limpándoo das hedras e maleza que presenta actualmente e valorizándoo como monumento cultural e etnográfico que é, xa que está inserido no espazo que ocupa a antiga capela de San Paio”, concluíu.