O BNG da Coruña sobre o plan de rexeneración para as Xubias: "A música soa ben, mais descoñecemos a partitura"

ACoruñaXa
A formación critica a falta de transparencia no Plan para As Xubias e acusa ao Goberno Local de actuar unilateralmente
Imaxe do barrio coruñés das Xubias
Imaxe do barrio coruñés das Xubias
9 Xul 2024

Nunha primeira avaliación de urxencia, marcada pola escaseza de datos e información de que dispomos neste momento, a concelleira do BNG Avia Veira xulga nestes termos o Plan para As Xubias presentado onte pola alcaldesa: “A música soa ben, mais descoñecemos a partitura”.

O BNG avalía como positivo que o proxecto se presente cos alicerces da rexeneración, a sustentabilidade e a dotación de vivenda social. “Mais o certo é que o que se anunciou onte foi un convenio urbanístico que terá que pasar polo Pleno e que terá que se basear nunha modificación puntual do PXOM. Unha modificación que estivo a exposición pública no trámite de avaliación ambiental estratéxica e que terá agora que incorporar as recomendacións das distintas institucións e administracións que o informaron”, remarca Veira.

Esa modificación ten que ir a Pleno e, nese sentido, o Goberno Local “continúa a actuar como se tivese maioría absoluta, sen contar en ningún momento co BNG”.

“Descoñecemos o contido exacto do convenio urbanístico. Descoñecemos o contido exacto da modificación do PXOM, nin sabemos que compromisos vai adquirir o Concello da Coruña, se hai compromisos económicos, etc”, acrecenta.

O BNG tampouco sabe “onde se van localizar os inmobles, que tipo de oferta se vai facer (se aluguer ou compra) ou quen vai promover a vivenda social”, conclúe Veira.

 

0.18489813804626