O BNG da Coruña preguntará no pleno pola creación das bibliotecas de Palavea e Novo Mesoiro

ACoruñaXa
A concelleira, Mercedes Queixas, lembra que nos orzamentos do Concello para 2024, negociados polo BNG co Goberno Local, figuran partidas para materializar eses proxectos
Imaxe dunha biblioteca municipal na Coruña
Imaxe dunha biblioteca municipal na Coruña
Redacción ACoruñaXa
25 abr 2024

A concelleira do BNG da Coruña Mercedes Queixas rexistrou unha batería de preguntas en relación aos proxectos de extensión da rede de bibliotecas na cidade.

Nelas, en concreto, Queixas interésase por saber en que fase está a creación das bibliotecas de Novo Mesoiro e Palavea, ao tempo que lle pide información ao Goberno Local sobre que pasos está a dar para ampliar a da Sagrada Familia.

Neste sentido, a concelleira nacionalista lembra que nos orzamentos do Concello para 2024, negociados polo BNG co Goberno Local, figuran partidas para materializar eses proxectos.

“A extensión da rede de bibliotecas aos barrios que carecen delas é un dos propósitos que nos animou á hora de negociar os orzamentos. O Goberno Local ten por tanto a ferramenta para o facer. Comprometeuse a dotar Novo Mesoiro de biblioteca, aula informática e espazo interxeracional. E Palavea, de biblioteca e nova aula informática. Pódeo facer porque existen partidas orzamentarias encamiñadas a ese fin”, resalta Queixas.

Tamén, sinala, hai diñeiro consignado para “ampliar a biblioteca da Sagrada Famlia pondo en marcha un proxecto de innovación bibliotecaria e de participación cidadá coñecido como A Eira, un proxecto que leva sendo adiado xa durante demasiado tempo”, precisa.

“A Coruña ten todo para ser unha cidade de libro. Só precisa dun Goberno Local que a defenda, que a atenda e que reforce o contacto da veciñanza cos libros”, conclúe.