O BNG da Coruña lembra a Pedro Galán Calvete no aniversario do seu asasinato

ACoruñaXa
Mercedes Queixas: “Hoxe, as nosas mans, símbolo de paz, solidariedade, tolerancia e irmandade, tecen os fíos da memoria de Pedro Galán, presente do futuro dunha nova Galiza que xa está en marcha”
homenaxe-bng-pedro-galan-coruna
20 Sep 2026

Como todos os anos por estas datas, o BNG e Galiza Nova da Coruña renderon tributo á memoria de Pedro Galán Calvete, o mozo coruñés de 19 anos, secretario de Organización das mocidades do Partido Galeguista, asasinado polos fascistas en setembro de 1936.

Asasinárono -afirmou durante o acto a concelleira Mercedes Queixas- por “ser militante da xustiza social, da lingua, dunha educación en clave de país”.

“O 16 de setembro de 1936” -hai por tanto 90 anos- “aquelas mans cargadas de odio e senrazón asasinaron o corpo dun mozo convertido en semente de vencer”, engadiu.

Hoxe, en pleno rexurdimento fascista, o nacionalismo galego continúa a ser, como daquela, “símbolo de paz, solidariedade, tolerancia e irmandade”, os fíos que nos conectan coa memoria de Pedro Galán Calvete, “presente do futuro dunha nova Galiza que xa está en marcha”, concluíu.

No acto tomaron tamén a palabra os militantes de Galiza Nova Anxo Vázquez, da Coruña, e Mar, de Arteixo.

0.15860104560852