O BNG da Coruña denunciará no Pleno as deficiencias da praia canina de Bens

ACoruñaXa
O partido critica a falta de servizos básicos e as malas condicións de acceso da única praia para animais de compañía da cidade
Imaxe un can nunha praia
5 sep 2024

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) levará ao Pleno do Concello, o próximo xoves 12 de setembro, unha serie de preocupacións sobre as deficiencias na praia canina de Bens, o único areal da cidade habilitado para animais de compañía.

Durante o debate sobre a ordenanza reguladora da tenza e protección de animais, o BNG xa alertara sobre as malas condicións da praia de Bens. O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, comprobou recentemente sobre o terreo que estas deficiencias permanecen sen cambios. Jorquera documentou a situación cun vídeo que compartiu na conta de TikTok do partido, evidenciando a realidade da praia fronte á súa imaxe promocional.

"Unha cousa é a propaganda e outra a realidade. Véndesenos esta praia como un espazo ideal para que os cans disfruten, cando en realidade é penoso acceder a ela e carece de servizos básicos: non hai duchas, aseos, fontes, papeleiras nin un aparcadoiro apropiado", destacou Jorquera.

O portavoz do BNG instará ao Executivo coruñés a tomar medidas para mellorar as condicións da praia e dotala dos servizos básicos necesarios para garantir a súa salubridade e limpeza. Entre os problemas destacados, Jorquera mencionou a acumulación de lixo, que non se retira de forma regular polos servizos municipais, senón por voluntarios. "É habitual que se recollan máis de 100 quilos de lixo en menos dunha hora", subliñou.

Ademais, Jorquera denunciou as dificultades de acceso á praia, situada preto de infraestruturas industriais como a refinaría, a planta de tratamento de residuos de Nostián e a EDAR de Bens. O acceso a pé á praia é particularmente problemático debido á falta de sombras, beirarrúas e a presenza de maleza nas marxes, o que fai que a andaina sexa perigosa.

O BNG solicitará no Pleno que se realicen as melloras necesarias para garantir que a praia de Bens poida cumprir adecuadamente a súa función como espazo para animais de compañía, asegurando a súa adecuación e accesibilidade para todos os cidadáns.

0.19032001495361