O BNG da Coruña abstense na votación do Consello Reitor do IMCE

ACoruñaXa
O partido abstense no Consello Reitor do IMCE ao non se contemplar o pagamento de Todas as facturas pendentes
Imaxe da concelleira do BNG na Coruña, Mercedes Queixas
Imaxe da concelleira do BNG na Coruña, Mercedes Queixas
Redacción ACoruñaXa
25 abr 2024

A concelleira do BNG Mercedes Queixas abstívose este xoves na reunión do Consello Reitor do IMCE cando se someteu a votación o recoñecemento xudicial de créditos e concesión dun crédito extraordinario para o seu financiamento.

Ese crédito extraordinario -de 2,5 millóns de euros- iría destinado a pagar facturas pendentes de 2023, a máis antiga, do mes de maio. A abstención do BNG non prexulga o sentido do voto do grupo municipal nacionalista cando o asunto chegue ao Pleno.

“Abstivémonos tendo en conta o informe da Intervención, que é desfavorábel e en espera dun informe preceptivo da Asesoría Xurídica que non se nos entregou”, afirma Queixas, quen salienta que o crédito extraordinario non cobre a totalidade das débedas do IMCE: “Ficaría arredor dun millón de euros pendente de pagamento”.

A Intervención advirte tamén que a xestión do IMCE ten sido irregular ao se ter comprometido gastos sen existir “crédito adecuado e suficiente” para os financiar.

“Preocúpanos a inseguridade xurídica que rodea a xestión do IMCE e a cantidade de persoas da cultura -pequenas e medianas empresas, autónomos na súa maioría- ás que aínda se lles deben cantidades, que non cobraron aínda polo seu traballo, o que pon en risco os seus proxectos culturais e de vida”, conclúe Queixas.