O BNG apostará no inicio da lexislatura no Parlamento pola comarca das Mariñas

ACoruñaXa
O BNG priorizará o inicio da lexislatura no Parlamento a sanidade, o ensino, os servizos sociais e o saneamento e depuración na Ría de Betanzos
Imaxe da reunión da deputada do BNG Mercedes Queixas cos representantes do BNG das Mariñas
Imaxe da reunión da deputada do BNG Mercedes Queixas cos representantes do BNG das Mariñas
25 mar 2024

O BNG informa de que impulsarán no Parlamento galego diferentes iniciativas parlamentarias nas vindeiras semanas en relación con temas centrais da comarca das Mariñas como a defensa da sanidade pública e o ensino públicos, o saneamento e depuración na Ría de Betanzos e as infraestruturas en servizos sociais como un centro de día público ou unha residencia de maiores.

Na axenda do BNG tamén están outros temas como a posta en valor do noso patrimonio como o Parque do Pasatempo ou o Casco Histórico de Betanzos, os problemas dos sectores produtivos da comarca, como a problemática da recollida de plásticos agrícolas, ou a necesidade de melloras no saneamento e de estudar a ampliación do polígono industrial de Bergondo.

Neste sentido, a deputada nacionalista Mercedes Queixas mantivo un encontro de traballo cos responsables, portavoces e grupos municipais dos diferentes concellos da comarca das Mariñas.

“Unha liña de traballo fundamental vai ser a loita contra os recortes en servizos públicos esenciais como o ensino, que está causando problemas en moitos centros da nosa comarca coma o CPI Castro Baxoi en Miño, que está sufrindo tanto os recortes no profesorado como a necesidade de melloras no propio centro e que a ANPA volveu denunciar as pasadas semanas”, explicou Mercedes Queixas. “Os problemas de melloras nas súas instalacións dos centros educativos de Betanzos como o Vales Villamarín, ou o IES Francisco Aguiar e o IES As Mariñas”, engadiu.

“Tamén imos seguir reclamando o reforzo da atención primaria, do servizo de pediatría e do centro de especialidades de Betanzos para acabar co desmantelamento ao que o PP está sometendo o servizo público de saúde”, engadiu Queixas.

“Trasladaremos de novo ao Parlamento os graves problemas ambientais da nosa comarca, como a imprescindíbel aposta por mellorar calidade da auga dos ríos e da Ría de Betanzos. “Esta vai ser unha das nosas grandes prioridades no traballo político no Parlamento, de feito xa nesta liña xa rexistramos varias iniciativas e seguiremos esixindo un traballo coordinado entre os concellos, a Xunta e o Estado para garantir o saneamento, a depuración e a rexeneración da Ría de Betanzos”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.

Por último, en relación coa actividade industrial e o fomento do emprego, Mercedes Queixas anunciou iniciativas para garantir as necesarias melloras no saneamento e depuración do polígono de Bergondo e un estudo para a súa ampliación, así como propostas en defensa do sector agro-pecuario e forestal, as grandes fontes de emprego e riqueza nos concellos máis rurais da comarca.

Por medio deste encontro de hoxe, un formato que terá continuidade nos vindeiros meses, o BNG das Mariñas comeza o traballo na nova lexislatura do parlamento galego, na que se consolidou como segunda forza e alternativa ao PP nas Mariñas, subindo máis de 2500 votos con respecto ás eleccións galegas de 2020 e chegando a un 29% do voto nos concellos da comarca. “Non imos defraudar ás persoas que apostaron polo BNG e imos traballar desde o primeiro día para mellorar as vidas das veciñas e veciños da nosa comarca”, concluíu a deputada do BNG.