O BNG abre a porta á ampliación do Polígono Industrial de Bergondo

ACoruñaXa
Representantes do BNG prometeron aos propietarios do polígono buscar solucións para as inundacións, a creación dun viveiro de empresas e dun centro de transformación de produtos agropecuarios
Reunión do BNG cos propietarios do Polígono Industrial de Bergondo
Reunión do BNG cos propietarios do Polígono Industrial de Bergondo
14 feb 2024

O BNG comprometeuse este mércores durante un encontro coa comunidade de propietarios do polígono de Bergondo a buscar unha solución ao problema de inundacións que veñen sufrindo desde hai anos. No encontro participaron o portavoz do BNG de Bergondo, David Carro, xunto con Mon Fernández e Cristina López, candidato e candidata do BNG ao Parlamento de Galicia.

“Trátase dun problema que se ven arrastrando desde a construción do polígono, xa que ao non haber separación de pluviais e fecais e non estar rematado de executar o saneamento ao completo cando chove desborda e inunda as naves sobre todo da parte baixa”, explicou o portavoz do BNG, David Carro. “Hai tempo que vimos reclamando un tanque de tormentas ao lado da depuradora que xa debera estar feito”, engadiu. “Este problema provoca verteduras no río Maior, que desemboca na Ría de Betanzos, na praia de Sada, afectando á calidade da auga da Ría”, indicou.

Pola súa banda, o candidato ao Parlamento de Galicia, Mon Fernández, comprometeuse coa comunidade de propietarios a colaborar desde o goberno da Xunta en todo o necesario para buscarlle solución a este problema, tanto para as empresas propietarias como para a calidade da auga do Río Maior e da Ría de Betanzos.

Viveiro de empresas e centro de transformación agropecuario

O BNG anunciou tamén a creación dun viveiro de empresas e un centro de transformación de produtos agropecuarios no antigo edificio do LIGAL, que leva abandonado desde o 2012. “Levamos anos pedindo nas nosas emendas aos orzamentos da Xunta que se reserve crédito para esta obra, mais o PP sempre votou en contra. A pesar do acordo unánime do Pleno de Bergondo”, informou David Carro.

Ao que o candidato ao Parlamento, Mon Fernández, engadiu: “É unha forma de apoiar a creación de pequenas empresas e de facilitar aos produtores da comarca a transformación dos seus produtos para que teñan un maior valor engadido”.

Ampliación do polígono

“O polígono ten moita demanda e quédase pequeno. Desde o BNG apostamos por ampliar nos terreos que antes ocupaba o Centro de Bos, pechado desde hai anos. Eses terreos quedaron sen actividade, salvo unha parte que cedida a "Proyecto Hombre”. Consideramos que pode ser factíbel que se manteña a súa labor e ampliar o polígono cara aí xa que a extensión e grande abondo. Eses terreos xa son propiedade da Xunta polo que se axilizarían os trámites e ademais conectaríamos co polígono de Espiritu Santo, creando así un polo industrial e sinerxías entre os dous”, engadiu o candidato do BNG.