O barrio de Eirís celebra o martes 20 de agosto a Festa da Fresa con actividades para todas as idades

fiesta de eiris 2024A Festa da Fresa no barrio coruñés de Eirís, organizada pola Asociación de Veciños Uxío Carré, será unha celebración vibrante que mesturará tradición, cultura e entretemento para todas as idades. O evento, que terá lugar o martes 20 de agosto, promete unha xornada chea de actividades.
Desde as 17.00 horas, a festa comezará con música e baile tradicional, seguido dun paseo guiado pola horta municipal "Leira das Freces". Ás 18.00 horas, os máis pequenos poderán gozar dun espectáculo de títeres a cargo de Micromina, mentres que os afeccionados ao fútbol poderán presenciar o VII Torneo de Fútbol Festa da Fresa, con encontros entre equipos locais.
Un dos momentos máis destacados será a apertura da exposición de fresas ás 18.30 horas, seguida dunha degustación gratuita ás 19.00 horas. A programación infantil continuará ás 19.30 horas cun espectáculo de maxia da man da maga Fani.
Mónica, presidenta da Asociación de Veciños, destacou a importancia desta festa para o barrio: "Un ano máis celebramos a Festa da Fresa no parque de Eirís, unha celebración que leva moitísimos anos xa no barrio e que todas as persoas que se achegan desfrutan moito dela porque é unha festa para compartir, para desfrutar do lugar e da diversión. É un lugar ideal para deitarse ao sol e para botar uns bailes durante a verbena".
Mónica tamén resaltou a emoción de contar coa actuación de Lidia Sueiro, unha veciña de Eirís que durante o confinamento regalaba miniconcertos cada noite despois das 20.00 horas, cando a xente saía a aplaudir ás fiestras. "Lévabamos moito tempo querendo traela a actuar na Festa da Fresa para que a xente puidera poñerlle cara a esa voz que nos acompañaba durante ese tempo duro da pandemia", comentou.
A xornada culminará coa música de Lidia Sueiro ás 21.30 horas, seguida dunha verbena coa orquestra "Foliada d'Ases" a partir das 22.45 horas, pechando así un día de celebración que seguramente deixará un recordo especial en todos os asistentes. Mónica tamén animou especialmente a aqueles que non están acostumados a asistir a esta festa: "Fresas e amorodos para todo o mundo, especialmente para os máis cativos, actuacións infantís e moita música. Ánimo á xente a que se achegue e coñeza a nosa festa".