O Banco Solidario de Produtos de Apoio axudou en 2025 a 60 familias en situación de dependencia en Culleredo

O Banco Solidario de Produtos de Apoio promovido pola asociación Agaela e o Concello de Culleredo consolidouse como un recurso gratuíto para persoas e familias que precisan axudas técnicas vinculadas á dependencia. O servizo facilita, en réxime de préstamo, elementos como camas articuladas, grúas de traslado, cadeiras de ducha, colchóns e coxíns antiescaras, así como adaptacións de baño, entre outros materiais.
Segundo os datos achegados polo Concello, ao longo de 2025 realizáronse 60 préstamos a familias cullerdenses derivadas, en boa parte, dos servizos sociais municipais. No conxunto de Galicia, o Banco efectuou o pasado ano 313 préstamos, o que amosa o crecemento dunha iniciativa que tamén fomenta o reciclaxe e a economía circular ao dar unha segunda vida a produtos que xa non se usan.
A concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, visitou o Banco xunto con responsables de Agaela e persoal técnico municipal e puxo en valor o seu papel como complemento a outros programas de apoio, como a axuda á dependencia, a teleasistencia ou o Xantar na Casa. A edila agradeceu o labor da entidade e animou á veciñanza e ás institucións a colaborar con doazóns para reforzar unha iniciativa que considera esencial.
Na actualidade, o Banco conta con arredor de 600 produtos dispoñibles. Para doar material ou solicitar un préstamo, Agaela facilita o teléfono 660 532 298 e o correo info@agaela.es.