O bádminton galego sub 15 mide o seu nivel nunha intensa cita en Teixeiro

Teixeiro converteuse este sábado 23 de maio no punto de encontro do bádminton galego coa celebración do Campionato Galego sub 15, unha cita na que o CD Hydra actuou como club anfitrión e na que participaron máis de 60 xogadoras e xogadores.
A competición desenvolveuse nas cinco modalidades e deixou partidos de gran intensidade, tanto polo esforzo despregado na pista como pola igualdade dalgúns dos resultados. A presenza de volantistas que xa compiten coa selección española en probas internacionais elevou o nivel dun torneo no que as promesas galegas demostraron o bo momento deste deporte.
O CD Hydra pechou a xornada con dous bronces. Álvaro Yáñez subiu ao podio na categoría individual tras ceder unicamente ante Nuno Alonso, campión do torneo e terceiro clasificado de España. Tamén lograron a medalla de bronce Celtia e Elena na modalidade de dobres, despois de perder só contra a parella ourensá formada por Leah Freire e Tayri Fernández.
Máis aló dos metais, desde o club anfitrión destacaron o esforzo, a progresión e a actitude do resto dos seus volantistas sub 15, que afrontaron encontros ante rivais dun nivel moi esixente. A cita serviu así para medir forzas, gañar experiencia e seguir impulsando a base do bádminton galego.