O Apalpador fará unha parada en Betanzos na súa xira polos mercados de Nadal galegos

ACoruñaXa
O tradicional carboeiro dos Ancares participará na cita betanceira dentro dunha xira polos mercados de Nadal galegos organizada pola cooperativa O Palán, que levará agasallos e un photocall para fotografarse con el
Apalpador
18 Nov 2026

A Feira do Mercado Social de Betanzos contará este ano cunha visita especial durante a súa programación de Nadal. O Apalpador, o tradicional personaxe da montaña dos Ancares que cada inverno percorre Galicia para achegarse aos máis pequenos, estará na localidade o venres 11 de decembro da man de O Palán Sociedade Cooperativa Galega.

A iniciativa forma parte dunha xira que esta empresa de animación está a desenvolver por diferentes municipios galegos durante as semanas previas ás festas. En cada parada, o Apalpador estará acompañado de agasallos e dun photocall no que tanto os nenos e nenas como as persoas adultas poderán facerse fotografías con el.

A visita permitirá achegar ao público betanceiro unha das figuras máis recoñecibles do Nadal tradicional galego. O Apalpador, coñecido tamén como o carboeiro dos Ancares, forma parte do imaxinario popular destas datas e converteuse nun dos protagonistas das actividades de Nadal dirixidas á cativada en numerosos concellos.

Betanzos será unha das paradas dunha ruta que tamén inclúe Negreira, os días 28 e 29 de novembro; Celanova, o 5 e 6 de decembro; O Bolo, o día 13; Muxía, os días 18, 19, 26 e 27; e Lourenzá, o 20 de decembro.

Ademais desta programación, O Palán ofrece a posibilidade de levar o Apalpador a centros de ensino, asociacións veciñais, concellos e outras entidades que queiran contar coa súa presenza. As persoas interesadas poden solicitar información ou contratar a visita nos teléfonos 637 242 459 e 620 377 362.

0.2585871219635