O antigo almacén da estación de Teixeiro podería desaparecer para crear un itinerario peonil máis seguro

ACoruñaXa
O Concello solicitará a Adif a cesión do inmoble, que obriga os peóns a baixar á calzada na avenida Doctor Luis Novo
CURTIS antigo almacen estacion teixeiro
5 Nov 2026

O Concello de Curtis solicitará a Adif a cesión do antigo almacén da estación de Teixeiro para proceder á súa retirada e habilitar un espazo peonil máis seguro. O inmoble ocupa parte da beirarrúa da avenida Doctor Luis Novo e obriga actualmente os peóns a baixar á calzada para continuar o seu percorrido, co conseguinte risco para a seguridade viaria.

A iniciativa forma parte do acordo aprobado por unanimidade no pleno municipal do pasado 2 de novembro. Segundo explicou o alcalde, Javier Caínzos, o Concello xa trasladou a Adif a proposta para facerse cargo da parcela e poder construír unha beirarrúa lonxitudinal que facilite os desprazamentos a pé pola localidade.

O rexedor advertiu de que a localización do edificio supón un perigo para a veciñanza, especialmente para as persoas con mobilidade reducida e outros colectivos vulnerables, como nenos, maiores e familias con carriños de bebé. A súa retirada permitiría dar continuidade á beirarrúa, ampliar o espazo peonil e eliminar un dos obstáculos para camiñar con seguridade por esta zona.

O acordo plenario inclúe tamén a solicitude a Adif dun novo paso peonil soterrado á altura do antigo paso a nivel, co obxectivo de mellorar a comunicación entre os dous lados da vía ferroviaria.

Esta foi a alternativa elixida pola veciñanza entre as catro propostas formuladas por Adif. A opción obtivo o 61 % dos apoios no proceso participativo impulsado polo Concello e foi ratificada por unanimidade pola corporación municipal.

0.13339400291443