As alternativas para recuperar o paso sobre a vía do tren presentaranse este xoves á veciñanza de Teixeiro

ACoruñaXa
O Concello de Curtis explicará as catro propostas formuladas por Adif para substituír o paso a nivel da estación, pechado hai meses
CURTIS paso tren teixeiro
4 Aug 2026

O Concello de Curtis celebrará este xoves ás 19.00 horas, no Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro, unha reunión informativa aberta á cidadanía para presentar as alternativas formuladas por Adif co obxectivo de recuperar a conexión entre os dous lados da vía férrea tras o peche do paso a nivel da estación.

O encontro servirá para explicar as catro opcións trasladadas polo administrador ferroviario, que pasan pola construción dun paso elevado ou dun paso soterrado na contorna do edificio municipal. Segundo a proposta actual, a actuación que finalmente se elixa sería cofinanciada ao 50 % entre Adif e o Concello mediante un convenio que deberá ser aprobado polo pleno municipal.

Entre as alternativas expostas figuran dúas pasarelas elevadas, situadas en diferentes localizacións, e dúas solucións subterráneas: a adaptación do paso inferior para vehículos xa existente ou a construción dun novo paso baixo a vía.

A convocatoria chega despois das reivindicacións da veciñanza de Teixeiro, que impulsou unha plataforma cidadá para reclamar unha solución ao peche do paso a nivel e reuniu 2.142 sinaturas. A raíz destas demandas, representantes de Adif mantiveron unha reunión co Goberno municipal na que expuxeron as posibles actuacións.

Na actualidade, o peche do paso obriga aos peóns a utilizar o paso inferior da estrada AC-231, unha infraestrutura que, segundo o Concello, presenta problemas de accesibilidade e seguridade para os desprazamentos entre ambas as marxes da vía férrea.

0.13448882102966