O alumnado de Bergondo poderá optar a axudas de ata 600 euros para os desprazamentos

O Concello de Bergondo destinará 15.000 euros á convocatoria de axudas para contribuír aos gastos de desprazamento do alumnado durante o curso 2026-2027. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou este mércores as bases destas subvencións, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto desde o 6 de agosto ata o 9 de outubro.
As axudas están dirixidas ás persoas empadroadas no municipio que cursen Educación Infantil, Bacharelato, Formación Profesional, ensinanzas de réxime especial, estudos universitarios, programas internacionais oficiais ou outras titulacións oficiais homologadas.
A contía máxima das subvencións variará en función da distancia entre o domicilio e o centro de estudos. No caso dos desprazamentos dentro de Galicia, oscilará entre 40 e 150 euros, segundo os quilómetros percorridos. Para estudos noutras comunidades autónomas, a axuda poderá alcanzar os 200 euros, mentres que os estudantes matriculados en programas internacionais oficiais poderán optar a unha subvención de ata 600 euros.
Con esta convocatoria, o Concello busca contribuír a reducir o custo que supón o desprazamento para as familias do municipio durante o próximo curso académico.