Volve o programa ‘Culleredo, de cinema’ de novo co director Hugh McGinley

ACoruñaXa
Serán 5 as pezas que elaboren, que serán presentadas novamente na Cullerciencia 2024, que se celebrará o 8 de xuño
Imaxe dunha edición do ‘Culleredo, de cine’
Imaxe dunha edición do ‘Culleredo, de cine’
8 may 2024

O Concello de Culleredo, a través da área de Xuventude, poñerá en marcha proximamente a segunda edición de ‘Culleredo, de cinema’ de novo co director Hugh McGinley. O programa pretende consolidar a ferramenta da curtametraxe nos colexios, centrándose nos adolescentes e preadolescentes do século XXI. Serán 5 as pezas que elaboren, que serán presentadas novamente na Cullerciencia 2024, con data de celebración o 8 de xuño.

O ciclo será impartido en varias fases, con formación e tutela durante todo o proceso. Preténdese detectar as debilidades e as fortalezas da nosa realidade á hora de definir o marco e os perfís; o desenvolvemento de historias sólidas, interesantes e facilmente convertibles á nova linguaxe audiovisual para evitar posteriores problemas en produción e post produción; a importancia do formato e da linguaxe técnica; a narrativa, o ritmo, as intra historias e os diálogos etc.

Tamén se formará aos e as mozas en aspectos técnicos, como os tipos de planos cinematográficos e os tipos de movemento de cámaras, deseño de storyboard e anotacións técnicas ao guión, o que se coñece como ‘plan de rodaxe’.

Por último, realizarase unha rodaxe auténtica, desenvolvendo o labor de dirección favorecendo o manexo directo do alumnado, sendo elas e eles quen opere as cámaras, claquetas, luces e resto do equipo.

Estrea na Cullerciencia

Cabe destacar que as creacións do alumnado do IES Rego de Trabe e IES Eduardo Blanco Amor deuse a coñecer en sociedade na Cullerciencia 2023, feira que organiza o Club de Ciencia do CEIP Plurilingüe Ría do Burgo coa colaboración do Concello de Culleredo.

“A fórmula”, “Dúas incógnitas e un destino” e “Teoría dá relatividade” foron as tres historias que narraron a través de diversas técnicas cinematográficas. Resultou froito dun traballo de máis dun mes.