O 30º Autocross de Arteixo quere ir máis alá das carreiras e converterse nun gran evento do motor

A conta atrás para a trixésima edición do CEAX Autocross Arteixo xa está en marcha e a organización quere que a cita deste ano sexa moito máis que unha competición automobilística. O evento, que se disputará os días 7, 8 e 9 de agosto no circuíto J. Ramón Losada, prepara varias novidades co obxectivo de converter a fin de semana nunha auténtica festa do motor.
Un dos datos que confirma a expectación xerada é o elevado número de participantes. Tras o primeiro peche de inscricións, a organización contabiliza un total de 146 pilotos inscritos, incluídas as reservas. A elevada demanda obrigou incluso a ampliar o número de prazas nalgunhas categorías para dar cabida a máis vehículos.
Pero a actividade non se limitará á pista. Os espectadores tamén poderán poñerse ao volante grazas a tres simuladores de condución que recrearán con gran realismo a experiencia dunha carreira. Os equipos permitirán sentir aceleracións, freadas, cambios de apoio e outras sensacións propias da competición, ofrecendo unha experiencia inmersiva tanto para os afeccionados como para quen queira probar por primeira vez a condución virtual.
Outra das novidades será a dixitalización da información da carreira. Durante toda a fin de semana, participantes, equipos e afeccionados poderán consultar a través dunha aplicación móbil todas as comunicacións oficiais da organización, desde as listas de inscritos ata horarios, resultados, clasificacións e avisos de última hora.
Con estas incorporacións, a organización busca que o 30º CEAX Autocross Arteixo sexa unha celebración especial dunha das probas con máis tradición do automobilismo galego, combinando a emoción das carreiras cun programa pensado para achegar o deporte do motor ao público e ofrecer unha experiencia máis completa aos miles de asistentes que cada ano se achegan ao circuíto.